Para compartir imaxes de Street View contigo en Google Maps, o equipo de enxeñeiros de Street View está a traballar duramente entre bastidores. Bota unha ollada ao que o equipo está a facer para ofrecerche Street View.
Primeiramente, precisamos percorrer lugares e fotografar as situacións para amosalas en Street View. Temos moi en conta a posición do sol cando planeamos o noso percorrido, xa que precisamos que se atope o suficientemente alto como para que as sombras non escurezan os edificios. Tamén temos en conta as condicións meteorolóxicas e a temperatura, posto que non queremos que a neve, a néboa ou a choiva provoquen atrasos no percorrido nin que tampouco desenfoquen as imaxes.
Para conducir coa luz e as condicións meteorolóxicas axeitadas, cando conducimos por Estados Unidos, por exemplo, comezamos nos estados do sur e dirixímonos cara ao norte a medida que van aumentando as temperaturas e, a continuación, volvemos de novo ao sur cando chega o inverno. En Europa, isto significa que quizais comecemos o percorrido no sur de Italia e nos despracemos gradualmente cara a Suecia.
A continuación, pensamos nos lugares que deberiamos comezar a fotografar e, posto que Street View será útil para un número maior de persoas en grandes zonas metropolitanas, comezamos alí o noso percorrido. Habitualmente comezamos no centro da cidade para recompilar imaxes das zonas céntricas populares e, a continuación, desprazámonos cara a fóra.
Precisamos saber exactamente onde se capturou cada imaxe para que poidas ver unha imaxe do lugar correcto cando esteas consultando Street View. Para isto, combinamos sinais procedentes de varios sensores do coche, incluído un dispositivo de sistema de posicionamento global (GPS, Global Positioning System) e monitores que miden a velocidade e a dirección.
O dispositivo GPS amósanos a situación exacta do coche a maioría do tempo, pero en ocasións factores como os edificios altos do centro dunha cidade bloquean o sinal, de xeito que os datos dos outros sensores axúdannos a completar a información que nos falta. Podemos reconstruír con precisión a ruta do coche mediante a combinación destes sinais.
Debido a que sabemos exactamente en todo momento cando e en que dirección se capturou cada imaxe, podemos facela concordar cunha situación específica, e incluso inclinar e aliñar as imaxes con terreos accidentados.
Cando realizamos fotografías para Street View, non queremos que falte nada nas imaxes, polo que as cámaras adxacentes situadas sobre o coche capturan imaxes superpostas. Para eliminar a superposición e crear unha imaxe continua de 360 graos, "cosemos" as imaxes entre si.
Coñecemos a xeometría de todas as cámaras do sistema e, por iso, determinamos en que parte das imaxes debemos realizar a "costura" para crear unha panorámica unificada. A continuación, aplicamos algoritmos de procesamento de imaxes especiais para reducir as "puntadas" nas que se unen as imaxes e crear unha transición fluída.
Aquí podes ver as fotos orixinais:
A continuación, as fotos cósense para crear unha panorámica continua:
A imaxe vese distorsionada, xa que é unha representación en plano dunha forma esférica. Pensa en como se ve o globo terráqueo se o representas de forma plana sobre unha folla de papel.
A continuación, volvemos proxectar as imaxes nunha esfera, de xeito que se vexan normais en Street View.
Existen varios
factores a ter en conta á hora de amosarche a imaxe correcta. Cando arrastras a Pegman
no mapa, calculamos a panorámica coincidente máis próxima e amosámosche a parte da
imaxe que cabe na ventá do teu navegador. A medida que te desprazas arredor para ver
outros ángulos, cargaranse outras seccións desa mesma panorámica de 360 graos.
Cando navegas por unha rúa, necesitamos determinar que imaxe debemos amosar a medida que te moves. Calculamos isto en función dos sinais que recompila o coche, como por exemplo, a partir de datos procedentes de tres láseres. A rapidez coa que os láseres se reflicten nas superficies indícanos a distancia á que se atopa cada edificio ou obxecto e permítenos construír modelos en 3D. Cando moves o rato sobre unha zona situada lonxe, este modelo en 3D determina cal é a mellor panorámica que se pode amosar para esa situación.
Utilizamos estes mesmos datos en Google Earth, proxectando as imaxes de Street View en modelos en 3D para fornecer unha sensación de inmersión.
Tamén aplicamos tecnoloxía avanzada de desenfoque de caras e matrículas para axudarnos a garantir que non se pode identificar aos transeúntes e aos coches das fotografías. Se desexas obter máis información acerca do desenfoque das imaxes, visita a sección de privacidade deste sitio.